O DELEGADO DO CZFV DA A BENVIDA ÁS 20 + 1 EMPRESAS INTEGRANTES DE VIAEXTERIOR III

O DELEGADO DO CZFV DA A BENVIDA ÁS 20 + 1 EMPRESAS INTEGRANTES DE VIAEXTERIOR III

  • O Consorcio Zona Franca de Vigo pon en marcha a terceira edición de ViaExterior, a aceleradora multi-sectorial para a internacionalización das pemes galegas
  • O economista Julio Cerviño foi o encargado de inaugurar as actividades formativas do programa
  • No acto de presentación de ViaExterior III, as empresas Imatia, Lenda e Barrakuda, de edicións anteriores, realizaron un repaso dos seus logros

 

16 de setembro de 2019. O Consorcio Zona Franca de Vigo acollía este venres a presentación da terceira edición da aceleradora multi-sectorial ViaExterior. O Delegado, David Regades, deu a benvida ás 20 + 1 empresas que forman parte do programa. Regades destacou que “a aceleradora multi-sectorial consolidouse xa como a ferramenta para promover, acelerar e aumentar a probabilidade de éxito no acceso de pemes a mercados exteriores. Ata a data, 40 empresas recibiron asesoramento e formación personalizada a través deste programa; e a partir de agora, vós ides desenvolver o voso plan internacionalización”.

O Delegado fixo fincapé en que “traballamos para fomentar o desenvolvemento económico do tecido empresarial, con independencia do sector: é a mellor maneira de lograr unha economía que resista aos momentos de incertezas”. Por outra banda, a responsable da área de internacionalización do CZFV, Débora Ramonde, apuntou que “con ViaExterior ides conseguir, en menos tempo e con menos riscos, saír ao exterior”.

Durante a presentación de ViaExterior III tamén se profundizou nalgúns dos logros obtidos polas empresas de edicións anteriores. É o caso de Imatia, que conseguiu ampliar o seu negocio e creou unha joint venture cunha empresa alemá. Por outra banda, tralo seu paso pola aceleradora multi-sectorial, Lenda pechou acordos comerciais con 10 novos países en tan só un ano; ata o momento, a compañía só tiña presenza en Francia e Portugal.
Barrakuda é outra das empresa que repasou os seus logros tras o seu paso por ViaExterior. Neste caso, iniciou a súa expansión por América Latina e segue aumentando a súa rede de distribuidores. Posteriormente, os representantes das empresas seleccionadas tiveron a posibilidade de intercambiar opinións nunha comida networking. A actividade renovouse cunha rolda de presentacións por parte de cada unha das pemes seleccionadas.
Esa mesma tarde os participantes de ViaExterior recibiron xa a súa primeira sesión formativa, que estivo a cargo do economista Julio Cerviño. Codirector do Máster en Dirección Internacional de Empresas da Universidade Carlos III de Madrid e asesor do Foro de Marcas Renombradas, Cerviño realizou unha análise dos retos da internacionalización para as pemes galegas.
Empresas vitivinícolas, do sector cultural, naval e pesqueiro
Máis aló de ViaExterior, o Consorcio de Zona Franca ofrece a posibilidade de participar noutras aceleradoras de carácter sectorial. Neste sentido, a primeira que se puxo en marcha é VinoExterior, enfocada ás empresas do sector vitivinícola. O programa finalizará cunha misión comercial inversa, onde as empresas seleccionadas terán a oportunidade de reunirse con importadores e prescritores do sector vitivinícola.
O CZFV tamén traballa para que as empresas do sector cultural e creativo accedan a novos mercados. A previsión é abrir a convocatoria de CulturaExterior antes de que finalice o ano. Esta nova aceleradora sectorial arrincará a principios de 2020.
Doutra banda, o Delegado, David Regades, indicou que “debido ao interese nas actividades de internacionalización do Consorcio por parte das empresas do sector naval e pesqueiro, xa estamos a traballar no lanzamento dunha aceleradora específica para elas”.
Máis apoios á internacionalización
O Consorcio dispón doutros programas de apoio á internacionalización. Os Mércores de Zona Franca son xornadas dun só día e abertas a todas as pemes, nas que se explican oportunidades de negocio en mercados específicos, feiras, estratexias e promoción internacional. Os detalles do calendario de xornadas pode consultarse a través de www.videoexterior.com.
Por outra banda, o CZFV ofrece recursos de carácter audiovisual a través de VideoExterior, un portal formativo no que as empresas descobren novas experiencias de internacionalización.