Promover os viños das diferentes Denominacións de Orixe galegas en China, México e Países Baixos. Este é o principal obxectivo da Misión Comercial Inversa organizada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo desde hoxe e ata este xoves, 23 de xaneiro. A actividade desenvólvese no marco de VinoExterior, a aceleradora sectorial impulsada polo CZFV, para lograr a internacionalización das empresas do sector vitivinícola de Galicia.
A misión comercial inversa iniciouse á primeira hora desta mañá nas instalacións de Pazo de Rubianes, unha das empresas participantes en VinoExterior. O obxectivo é permitir ás pemes do sector vitivinícola identificar novas oportunidades de negocio en tres mercados internacionais. Durante a xornada as empresas galegas ofreceron unha cata aos importadores internacionais. Por outra banda, as empresas puideron profundar nas oportunidades que o mercado de China ofrece aos viños galegos.
Ademais, o creador Galician Wines, Jorge Vila, impartiu unha charla sobre as diferentes Denominacións de Orixe galegas.
Novas oportunidades para as adegas galegas
As empresas participantes en VinoExterior manterán encontros de negocio con importadores dos tres países ao longo desta semana. A axenda da misión inclúe visitas ás adegas das de D.Ou Rías Baixas e O Ribeiro. Deste xeito, os importadores poderán coñecer, de primeira man, a calidade e potencial dos viños galegos.
Un dos prescritores convidados á misión é Ziyang Zhang, representante da Guía Peñín en China. Outra das empresas que participa na misión comercial inversa é a mexicana Saint Vincent Wine, dedicada á importación e distribución de viños de Europa no país azteca.
A holandesa Delta Wines é a terceira firma presente nesta misión comercial. Delta Wines pertence a un grupo de sete empresas importadoras de viño de todo o mundo e que fornecen a varias canles; desde supermercados, almacenistas ata tendas especializadas en viño.
VinoExterior, a primeira aceleradora sectorial do CZFV
VinoExterior é un programa formativo que combina un asesoramento individualizado con talleres presenciais sobre temáticas imprescindibles á hora de internacionalizar unha empresa. As pemes participantes han adquirido novas destrezas para preparar a súa presenza en feiras, en misións ou sobre como abordar con éxito unha negociación internacional.
Durante 3 meses, un total de 15 empresas do sector vitivinícola beneficiáronse de asesoramento personalizado para deseñar a súa propia estratexia de internacionalización. Ademais de adegas, en VinoExterior participaron dúas distribuidoras e unha empresa dedicada á fabricación de barricas de granito.