ViaExterior impulsa la internacionalización de 20 empresas

ViaExterior impulsa la internacionalización de 20 empresas

Ante as empresas participantes que hoxe terminaban as súas participación na primeira edición de ViaExterior, a aceleradora de internacionalización impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, e ante as entidades financeiras presentes, a Delegada, Teresa Pedrosa, remarcou que “investir en empresas é investir no futuro de Galicia”.
Durante a clausura, Pedrosa tamén sinalou que aínda que Galicia presenta un dos mellores índices españois de exportacións, isto débese á presenza no territorio de dous xigantes como Inditex e PSA polo que, para equilibrar a balanza, é necesario incorporar e fortalecer a exportación das pemes. Basicamente ese é o obxectivo da aceleradora ViaExterior que, durante un programa de oito meses de duración, traballa con formación e titorías personalizadas para lograr o éxito de pequenas e medianas empresas nos seus proxectos de acceso a mercados exteriores.
Como anunciou Pedrosa, debido ao éxito desta primeira convocatoria, o próximo mes de maio abrirase unha segunda edición á que as empresas interesadas en participar na selección poderán enviar as súas candidaturas a través da web www.viaexterior.com. De forma paralela e complementaria a esta aceleradora, o Consorcio tamén está a preparar un amplo programa de internacionalización con tres deseños específicos dirixidos aos sectores de saúde, o viño e a cultura pola importancia que estes sectores teñen no conxunto da economía de Galicia.
Tras a conferencia na que María Dosil, responsable de relacións externas de Bandalux, explicou a súa experiencia no camiño da internacionalización, iniciáronse as roldas de presentación dos proxectos desta primeira edición ante os investidores e entidades de financiamento presentes no evento -Vigo Activo, XesGalicia, Abanca e Banco Sabadell-. Con posterioridade a clausúraa varias das empresas mantiveron reunións privadas coas entidades financeiras citadas nas que expuxeron as súas necesidades de capital para consolidar os seus proxectos internacionais.
Nesta primeira edición, e tras un intenso proceso de selección ao que optaron máis de 60 pequenas empresas, foron seleccionadas un total de 20 pemes cuxos sectores de actividade inclúen desde o agroalimentario e os artigos de consumo, a industria naval e auxiliar, a construción e a maquinaria industrial, ou servizos intensivos en coñecemento pertencentes ás industrias de software. Varias das empresas participantes son proxectos que naceron coa aceleradora xeneralista ViaGalicia e que agora, unha vez posicionadas as súas marcas no mercado español, proxectan a súa expansión a novos mercados.
Con este percorrido o Consorcio certifica que non só axuda a nacer a novos negocios senón que lles segue apoiando nos seus procesos de maduración empresarial. Do programa ViaExterior, que iniciou a súa actividade en setembro 2017, o que máis se valorou polas empresas foi o feito de dotarlles dunha metodoloxía que lles permite acceder de forma segura aos seus actuais mercados destino e que o mesmo método lles sexa útil no futuro para aplicalo nos deseños de acceso a outros países.