O delegado do CZFV presenta ás 20 empresas seleccionadas para participar na quinta edición da aceleradora ViaExterior

O delegado do CZFV presenta ás 20 empresas seleccionadas para participar na quinta edición da aceleradora ViaExterior

  • David Regades lembrou que desde a primeira edición de ViaExterior xa participaron máis dun centenar de empresas
  • As vinte empresas seleccionadas proveñen de sectores tan dispares como a produción artesanal, servizos de enxeñería, automóbiles eléctricos, fabricación de mobiliario, alimentación ou deseño industrial, entre outros
  • O director do Máster de Comercio Internacional da Universidade de Vigo, Pablo Cabanelas, falou sobre os ‘Retos e oportunidades da internacionalización para as pemes galegas’

O delegado especial do Consorcio da Zona de Vigo (CZFV), David Regades, presentou este venres ás 20 pequenas e medianas empresas seleccionadas para participar na quinta edición de ViaExterior, a aceleradora multisectorial para a internacionalización de empresas galegas, promovida polo propio CZFV.

Durante a súa intervención, David Regades destacou que “ViaExterior consolidouse xa como a ferramenta para promover, acelerar e aumentar a probabilidade de éxito no acceso a mercados exteriores”. O delegado do Estado subliñou que desde o 2016, ano da primeira edición de ViaExterior, participaron no programa máis dun centenar de empresas, o que supón “101 plans de internacionalización, 400 horas de formación e 8.000 horas de mentoring”.

Preto do 90% desas empresas —engadiu— “lograron estar presentes, polo menos, nun novo mercado a curto prazo a través de exportacións directas, novos axentes ou distribuidores en destino, e mesmo a través da creación de novas filiais”.

Pola súa banda, o socio director de Eosa, Antonio da Cruz, debullou a estrutura da aceleradora, que conta cun programa gratuíto de sete meses de duración que leva a cabo en tres fases (estratexia, aceleración e financiamento), nas que un equipo de expertos en mercados internacionais ofrecerá asesoramento e formación personalizada ás empresas participantes.

A continuación tivo lugar unha rolda de presentacións por parte de cada unha das 20 empresas seleccionadas, que proceden de sectores tan dispares como a produción artesanal, servizos de enxeñería, vehículos eléctricos, fabricación de mobiliario, alimentación ou deseño industrial, entre outros.

Algunhas das candidatas son firmas de recente creación, mentres que outras contan con varias décadas de experiencia ás súas costas, pero a todas úneas o obxectivo de acceder ou consolidarse en novos mercados e trazar un plan de internacionalización para ampliar as súas oportunidades de negocio, aumentar as súas competencias e coñecementos, favorecer o seu acceso a posibles investidores e crear unha rede de contactos que lles permita establecer posibles acordos de colaboración.

Sobre esta cuestión profundou o relatorio de Pablo Cabanelas, director do Máster de Comercio Internacional da Universidade de Vigo, sobre ‘Os retos e oportunidades da internacionalización para as pemes galegas’, na que foi a primeira acción formativa do programa.

Para concluír a xornada, os representantes das empresas seleccionadas han tido a posibilidade de coñecerse e compartir experiencias durante unha comida networking.

Máis dun centenar de empresas participaron xa en edicións anteriores de ViaExterior e o 90% logrou entrar, polo menos, nun novo mercado, o que confirma o éxito do programa.

Outros programas de apoio

Ademais de ViaExterior, o Consorcio de Zona Franca ofrece a posibilidade de participar noutras aceleradoras de carácter sectorial como ViaTextil, VinoExterior, CulturaExterior e MarExterior.

Do mesmo xeito, o CZFV dispón doutros programas de apoio ás empresas como os Mércores de Internacionalización, xornadas abertas a todas as pemes nas que se explican as oportunidades de negocio en mercados específicos, feiras, estratexias e promoción internacional. Tamén conta cun portal formativo, VideoExterior, a través do cal as empresas poden descubrir novas experiencias de internacionalización mediante recursos de carácter audiovisual.

Listado de empresas admitidas

  1. Armán Industria del Mueble
  2. Beflamboyant Brand
  3. Berce Patrimonial
  4. Canumi Pets
  5. Celso Isla
  6. Granitos de Atios S.A.
  7. HQ Seaweed
  8. IECO Desarrollo Digital S.L.
  9. Inserpyme Global
  10. ITERA Técnica
  11. Laddes Works
  12. Little Car
  13. Luo Kai Electrics
  14. Mirabel do Rosal
  15. Moncho e Hijos
  16. Postmobel S.L.
  17. RIR & CO Diseño Textil Artesano
  18. SDEA Solutions
  19. Seven Peaks
  20. Sigillum Knowledge Solutions