Zona Franca lanza a 6ª edición de ViaExterior para que as empresas galegas amplíen negocio no exterior

Zona Franca lanza a 6ª edición de ViaExterior para que as empresas galegas amplíen negocio no exterior

  • As compañías interesadas poden inscribirse a través da web do programa ata o 10 de novembro
  • ViaExterior pon a disposición das empresas un equipo de 30 profesionais para axudalas cos plans de internacionalización, ampliar contactos e negocio no exterior

Vigo, 14 de outubro de 2023.- O Consorcio da Zona Franca de Vigo lanza unha nova edición de ViaExterior, a aceleradora multi-sectorial para promover e aumentar a probabilidade de éxito na internacionalización das compañías galegas. Para iso, a entidade seleccionará un total de 20 compañías.  O programa, que cumpre a súa sexta edición, porá a disposición das empresas un equipo multicultural de 30 profesionais para axudalas cos seus plans de internacionalización, lograr novas oportunidades de negocio noutros países, ampliar contactos ou acceder a financiamento no caso de que así o desexen. Trátase de persoas expertas en ámbitos relacionados co comercio exterior pero que tamén dominan aspectos vinculados coa fiscalidade, a negociación ou a comunicación, entre outros. Ademais, a nova edición de ViaExterior incorpora ao equipo persoas expertas en perspectiva de xénero e en Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

En ViaExterior poderán participar, sen custo, empresas con certa presenza internacional que busquen aumentar a súa actividade no exterior, ou ben, compañías de recente creación con vocación internacional. O prazo de inscrición está aberto ata o 10 de novembro.

Para iso, as empresas interesadas en participar deben cumprimentar o formulario na páxina web https://viaexterior.com/

O programa formativo de ViaExterior comeza en decembro e prolongarase ata xuño de 2024. A aceleradora inclúe tamén actividades networking coa participación de empresas das edicións anteriores; haberá visitas ás súas instalacións ou actividades lúdicas, entre outras.

 

Presentacións en Ourense, Pontevedra e Nigrán

Para dar a coñecer ás empresas os detalles do programa, O Consorcio de Zona Franca de Vigo celebra tres xornadas informativas. A primeira delas será na Asociación de Empresarios de San Cibrao, en Ourense, o martes, 17 de outubro.
Pola súa banda, as empresas da cidade do Lérez poderán profundar no programa o xoves, 26 de outubro, nun evento do Foro Pontevedra que se celebra no Hotel Galicia Palace. A terceira das xornadas será no Porto do Molle, en Nigrán o martes, 31 de outubro.

ViaExterior, 100 empresas que ampliaron fronteiras

Ata o momento, 100 empresas galegas recibiron formación personalizada con ViaExterior en 5 edicións. A maioría das compañías lograron estar presentes en, polo menos, un novo mercado a través de exportación directa, de creación de filiais ou con novos distribuidores.

Outro aspecto destacado é que a maior parte das empresas ampliaron o seu equipo humano na área de internacionalización, xa sexa a través da contratación de novos profesionais ou ben ampliando a súa rede de distribuidores e axentes no exterior.