O CONSORCIO DA ZONA FRANCA DE VIGO LANZA CULTURAEXTERIOR, A ACELERADORA PARA QUE AS EMPRESAS DO SECTOR CULTURAL ACCEDAN A NOVOS MERCADOS

O CONSORCIO DA ZONA FRANCA DE VIGO LANZA CULTURAEXTERIOR, A ACELERADORA PARA QUE AS EMPRESAS DO SECTOR CULTURAL ACCEDAN A NOVOS MERCADOS

  • Un equipo de expertos ofrecerá asesoramento personalizado e formación práctica a pemes galegas do sector cultural e creativo
  • As 15 empresas participantes desenvolverán o seu plan de internacionalización, obterán unha guía das principais feiras internacionais e misións comerciais de interese e un roadmap personalizado das axudas dispoñibles
  • O prazo para inscribirse en CulturaExterior está aberto ata o 20 de xaneiro

 

Vigo, 9 de xaneiro de 2020. O Consorcio da Zona Franca de Vigo, na súa aposta pola internacionalización, lanza a aceleradora CulturaExterior, un novo programa formativo e de capacitación para que as empresas galegas do sector cultural e creativo accedan a novos mercados. Desde editoriais ata empresas de produción ou distribución artística e musical, artes escénicas ou videoxogos; todas elas poderán desenvolver o seu plan de internacionalización.  CulturaExterior tamén está aberta a empresas de comunicación, publicidade e eventos, entre outras.

O programa pretende reducir os tempos e aumentar as posibilidades de éxito no proceso de internacionalización. Para iso, un equipo de expertos, especializado no sector cultural e creativo, ofrecerá asesoramento personalizado ás 15 pemes seleccionadas durante un período de 3 meses. Ademais, as empresas participantes en CulturaExterior obterán unha guía das principais feiras e misións comerciais de interese así como un roadmap personalizado das axudas ás que poden optar para alcanzar novos mercados. O enfoque da aceleradora CulturaExterior será de carácter práctico e permitirá fomentar o networking con outras empresas do sector.

O programa formativo desenvolverase en horario de tarde un día á semana desde principios de febreiro ata abril. Poderán participar, sen ningún tipo de custo, as pequenas e medianas empresas do sector cultural e creativo que teñan interese en acceder a novos mercados internacionais, con independencia da súa experiencia en comercio exterior. O programa formativo adaptarase ás necesidades de cada participante mediante titorías personalizadas.

As empresas interesadas en participar deberán inscribirse no seguinte enlace antes do 20 de xaneiro.

 

A internacionalización, unha das prioridades do CZFV

CulturaExterior nace da aposta firme do Consorcio da Zona Franca de Vigo pola internacionalización das empresas galegas e tras o éxito das dúas primeiras edicións de ViaExterior. Neste caso, a aceleradora multi-sectorial para a internacionalización posibilitou que os seus participantes logren abrir novas sedes fóra das nosas fronteiras.

Tras o seu paso por ViaExterior, as empresas iniciaron novas posibilidades no continente europeo, nos países de Latinoamérica e mesmo en Asia e en África. Por outra banda, algunhas destas pemes estableceron un marco de colaboración para poñer en marcha novos proxectos empresariais e outras lanzaron novos produtos adaptados aos mercados internacionais.

Agora, con CulturaExterior, o Consorcio da Zona Franca de Vigo espera conseguir para as empresas do sector cultural e creativo novos logros no seu camiño cara á internacionalización.