
10 Mar UN TOTAL DE 60+1 EMPRESAS GALEGAS ALCANZAN MERCADOS ESTRANXEIROS TRALO SEU PASO POR VIAEXTERIOR
Aumento de exportacións e novas sedes internacionales
Empresas de enxeñería, biotecnolóxicas, agroalimentarias ou do sector TIC formaron parte da terceira edición da aceleradora multi-sectorial do Consorcio da Zona Franca de Vigo.
Un titor especialista por empresa e un equipo de mentores, con ampla experiencia internacional, coaches e formadores apoiaron ás pemes na definición do seu plan de internacionalización.
Tras o seu paso pola aceleradora as empresas aumentan a súa presenza en Europa e Reino Unido consolídase como un dos destinos prioritarios nos seus plans de internacionalización. É o caso de Calzados Losal, que acaba de pechar un acordo cun cliente inglés na feira internacional do calzado de Milán. A empresa, dedicada á fabricación artesanal de zapatos, tamén estará presente en Países Baixos e Bélxica grazas ao acordo cun cliente que conta con 9 tendas entre ambos os países.
Por outra banda, Rotogal, dedicada ao deseño e fabricación de produtos de plástico utilizando o proceso de rotomolding ou moldeo rotacional, logrou un distribuidor no mercado inglés. Outro dos destinos internacionais das empresas de ViaExterior III é Latinoamérica. Neste sentido, Gestepro Studio está en proceso de creación dunha franquía en México e, por outra banda, Micaton Ergonomics tamén contempla o mercado azteca como destino no seu plan de internacionalización. Financial and Insurance SL, Livetopic, que comercializa produtos financeiros e seguros, é outra das pemes que prevé crecer en México e noutros mercados latinoamericanos.
Ademais as empresas iniciaron contactos con varios países e a previsión é que xurdan novos contratos nos próximos meses; un dos exemplos é o de Simaupro Galicia. A empresa, dedicada á automatización industrial, iniciou contactos cunha multinacional de Austria. Un acordo permitiralle á firma de Porriño distribuír os seus produtos a máis dunha vintena de países.
Máis aló do crecemento das exportacións, varias empresas de ViaExterior contan con sedes internacionais noutros países. Un dos exemplos é Laser Galicia, empresa dedicada ao corte de chapas e tubos con láser; que ten unha filial en Estados Unidos. Por outra banda, a terceira edición da aceleradora despídese cunha nova sede en Países Baixos para Cafés Candelas que abrirá este ano. Esta nova sede permitiralle á empresa cafeteira acceder a novos países europeos, entre eles, Alemaña e Francia. Ademais, Cafés Candeas acaba de pechar un acordo cun distribuidor de Romanía e en Iraq, neste caso, a través do Goberno.
Os logros de ViaExterior III van máis aló. Veigas de Sabugueiro S.L., baixo a marca comercial Carabuñas, creou unha joint venture cunha empresa de Portugal. Este consorcio permitirá á empresa ourensá incrementar a subministración do sabugueiro bio para transformalo en marmeladas e licores.
Evolución das empresas participantes nas primeiras edicións de ViaExterior
A maioría das empresas das primeiras edicións de ViaExterior lograron estar presentes en, polo menos, un novo mercado a través de exportación directa, de creación de filiais ou con novos distribuidores. Ademais, nalgún caso, a facturación online aumentaron ata un 60%.
Outro aspecto destacado é que a maior parte das empresas ampliaron o seu equipo humano na área de internacionalización, a través da contratación de novos profesionais ou ben ampliando a súa rede de distribuidores e axentes no exterior.