VIAEXTERIOR CLAUSURA CUNHA ROLDA DE FINANCIAMENTO A SÚA V EDICIÓN

VIAEXTERIOR CLAUSURA CUNHA ROLDA DE FINANCIAMENTO A SÚA V EDICIÓN

  • O delegado do Estado no CZFV destacou o impacto positivo da aceleradora na saída ao mercado internacional do tecido empresarial galego e a súa contribución no posicionamento exterior da nosa rexión
  • Durante 7 meses, un total de 20 pemes galegas de sectores diversos recibiu formación individualizada e asesoramento experto para iniciar ou consolidar os seus plans de expansión
  • O programa apoiou xa a máis dun centenar de empresas en Galicia a crecer fóra, reducindo os riscos, o tempo e os custos de investimento, a través de exportacións directas, novos distribuidores en destino ou a creación de novas filiais

Vigo, 5 de maio de 2023.-O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV), David Regades, clausurou esta mañá a V edición de ViaExterior, a aceleradora multisectorial para a internacionalización de empresas galegas, promovida polo propio CZFV. Na súa intervención Regades destacou “o impacto positivo de ViaExterior na saída ao mercado internacional do tecido empresarial galego, clave para o posicionamento exterior da nosa rexión, para o seu crecemento e desenvolvemento económico e, polo tanto, para a xeración de emprego”. Tamén enxalzou o traballo desenvolvido polas 20 pequenas e medianas empresas participantes nesta quinta edición do programa. Algunhas de recente creación e outras xa consolidadas, pertencentes a sectores tan diversos como a produción artesanal, os servizos de enxeñería, os vehículos eléctricos, a fabricación de mobiliario, a alimentación ou o deseño industrial, que tiveron a oportunidade, durante o acto, de presentar os seus proxectos a potenciais investidores e entidades financeiras.

Trátase de Arman Mobiliario, Beflamboyant, Berce Patrimonial, Representaciones Celso Isla, Granitos de Atios (GRANISA), HQ Seaweed, Ieco Desarrollo Digital, ITERA Técnica, Laddes Works, Little Electric Car España, Mirabel do Rosal, Cárnicas Moncho, Postmobel, SDEA Solutions, SevenPeaks, Sigillum Knowledge Solutions, Canumi Pets, Isega, Luo Kai Electrics e Rir & Co Diseño Textil Artesano.

O seu paso por ViaExterior, no que un equipo de expertos en mercados internacionais ofreceulles asesoramento e formación personalizada gratuíta durante sete meses, permitiulles trazar un plan de internacionalización para cumprir os seus obxectivos de ampliar as súas oportunidades de negocio fóra de España, minimizando os riscos e reducindo os tempos e custos de investimento. Tamén, de aumentar as súas competencias e coñecementos, así como de crear unha rede de contactos para establecer posibles acordos de colaboración exterior.

 Máis dun centenar de empresas internacionalizadas

Desde a súa posta en marcha en 2016, ViaExterior apoiou xa a máis dun centenar de empresas galegas a iniciar ou consolidar os seus plans de expansión en diversos mercados internacionais, “con máis de 400 horas de formación e 8.000 horas de mentoring”, segundo subliñou o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo. Preto do 90% destas empresas “lograron introducirse, polo menos, nun novo mercado a curto prazo, a través de exportacións directas, novos axentes ou distribuidores en destino, e mesmo, a través da creación de novas filiais”. Ademais, gran parte delas, lograron impulsar a súa área de internacionalización, grazas ao aprendido durante o programa e negocian actualmente novos contratos con clientes de diferentes puntos do planeta.

Como parte da súa actividade, o CZFV desenvolve un intenso programa para apoiar e potenciar a internacionalización das empresas galegas a través de diferentes programas de aceleración -ViaTextil, VinoExterior, CulturaExterior, MarExterior e ViaExterior- e xornadas de estratexia e de mercados. Estas últimas enmarcadas nos denominados Miércoles de Internacionalización, nos que se visibiliza casos de éxito de empresas galegas no exterior e dáse a coñecer estratexias, conceptos clave ou consellos prácticos para acceder a mercados internacionais de interese.