16 Set O DELEGADO DO CZFV DA A BENVIDA ÁS 20 + 1 EMPRESAS INTEGRANTES DE VIAEXTERIOR III
- O Consorcio Zona Franca de Vigo pon en marcha a terceira edición de ViaExterior, a aceleradora multi-sectorial para a internacionalización das pemes galegas
- O economista Julio Cerviño foi o encargado de inaugurar as actividades formativas do programa
- No acto de presentación de ViaExterior III, as empresas Imatia, Lenda e Barrakuda, de edicións anteriores, realizaron un repaso dos seus logros
16 de setembro de 2019. O Consorcio Zona Franca de Vigo acollía este venres a presentación da terceira edición da aceleradora multi-sectorial ViaExterior. O Delegado, David Regades, deu a benvida ás 20 + 1 empresas que forman parte do programa. Regades destacou que “a aceleradora multi-sectorial consolidouse xa como a ferramenta para promover, acelerar e aumentar a probabilidade de éxito no acceso de pemes a mercados exteriores. Ata a data, 40 empresas recibiron asesoramento e formación personalizada a través deste programa; e a partir de agora, vós ides desenvolver o voso plan internacionalización”.
O Delegado fixo fincapé en que “traballamos para fomentar o desenvolvemento económico do tecido empresarial, con independencia do sector: é a mellor maneira de lograr unha economía que resista aos momentos de incertezas”. Por outra banda, a responsable da área de internacionalización do CZFV, Débora Ramonde, apuntou que “con ViaExterior ides conseguir, en menos tempo e con menos riscos, saír ao exterior”.