17 Xul ÉXITO DE INSCRIPCIÓNS NA TERCEIRA EDICIÓN DE VIAEXTERIOR, A ACELERADORA MULTI-SECTORIAL DO CZFV PARA A INTERNACIONALIZACIÓN DAS PEMES GALEGAS
O Consorcio da Zona Franca de Vigo pechou con éxito de participación o prazo de inscricións en ViaExterior III, a aceleradora multi-sectorial para a internacionalización das empresas galegas, que comezará en setembro.
Máis de medio centenar de pemes, das catro provincias, manifestaron a súa confianza no programa formativo posto en marcha polo CZFV, que cumpre xa a súa terceira edición. Este feito pon de manifesto a fortaleza do tecido empresarial da nosa comunidade, así como a súa aposta por chegar a novos países.
Empresas agroalimentarias, outras relacionadas co mundo da moda e o téxtil, co sector industrial ou náutico, son só algúns exemplos de empresas inscritas para participar en ViaExterior III. Algunhas delas tiveron xa algunha experiencia en mercados internacionais pero outras buscan por primeira vez chegar a novos países.
Aprender a deseñar unha estratexia internacional, entrar en contacto con expertos en mercados e con outras empresas coas que poder crear sinerxias, son as principais motivacións do tecido empresarial para formar parte de ViaExterior III. Durante os próximos días analizaranse todas as candidaturas recibidas. A previsión é coñecer o nome das 20 empresas seleccionadas no mes de agosto. O proceso de avaliación incluirá tamén entrevistas individualizadas coas distintas empresas que presentaron a súa solicitude.
Éxitos de ViaExterior
As dúas primeiras edicións tiveron un balance moi positivo xa que permitiron a 40 pemes galegas chegar a novos mercados e consolidarse en varios países do Norte de Europa e no Reino Unido, un dos mercados máis competitivos e difíciles para as capacidades de negocio das pemes.
As posibilidades que se abriron grazas a ViaExterior foron xeograficamente máis aló e varias pequenas e medianas empresas tamén atoparon oportunidades de negocio en Asia ou mesmo en África, un continente no que, ata o momento, as empresas galegas carecían de presenza. Hai que destacar tamén que a maior parte das pemes ampliaron o seu equipo humano na área de internacionalización, ben a través da contratación de novos profesionais ou mediante a ampliación da súa rede de distribuidores e axentes no exterior como no caso dalgunhas empresas participantes na aceleradora que, a pesar do seu pequeno tamaño, xa foron capaces de estar presentes con distribuidores en varios países de América Latina.
Cando finalice esta terceira edición de ViaExterior, un total de 60 empresas galegas recibirían formación e asesoramento para desenvolver, con éxito, o seu plan de internacionalización. Ademais, terían un titor individual e mentores expertos en mercados internacionais cun enfoque fundamentalmente práctico. A aceleradora multi-sectorial, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, consolídase como a ferramenta elixida polas pemes galegas para chegar a novos mercados.