O CZFV LANZA VINOEXTERIOR, A ACELERADORA PARA QUE AS EMPRESAS DO SECTOR DO VIÑO ACCEDAN A NOVOS MERCADOS

O CZFV LANZA VINOEXTERIOR, A ACELERADORA PARA QUE AS EMPRESAS DO SECTOR DO VIÑO ACCEDAN A NOVOS MERCADOS

• Un equipo de expertos ofrecerá asesoramento personalizado e formación práctica a 15 pemes galegas do sector vitivinícola
• As empresas participantes desenvolverán o seu plan de internacionalización durante 4 meses, sen custo, e poderán acceder a financiamento
• O Delegado do CZFV, David Regades, destaca que VinoExterior “responde o noso compromiso de que as empresas galegas alcancen novos mercados”

O Consorcio da Zona Franca de Vigo, na súa aposta pola internacionalización, lanza a aceleradora VinoExterior, un novo programa formativo e de capacitación para que as empresas galegas do sector vitivinícola accedan a novos mercados.

Anunciouno o Delegado do CZFV, David Regades, tras a reunión na sede da D.Ou. Rías Baixas, á que acudiron representantes das demais Denominacións de Orixe: Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra.

O programa pretende reducir os tempos e aumentar as posibilidades de éxito no proceso de internacionalización. Para iso, un equipo de expertos ofrecerá asesoramento personalizado ás empresas seleccionadas.

O enfoque da aceleradora VinoExterior será de carácter práctico e permitirá fomentar o networking con outras empresas do sector. O programa formativo desenvolverase cada venres desde outubro ata decembro deste ano.

Para esta primeira edición de VinoExterior, o Consorcio da Zona Franca de Vigo seleccionará 15 empresas. Poderán participar, sen ningún tipo de custo, as pequenas e medianas empresas do sector vitivinícola e que teñan interese en acceder a novos mercados, con independencia da súa experiencia en comercio exterior. O programa formativo adaptarase ás necesidades de cada participante.


VinoExterior, resposta ás novas ameazas

O actual escenario internacional está cheo de incertezas para as empresas españolas, e o sector do viño en Galicia non é alleo a esta realidade. A imposición de aranceis nalgúns mercados ou as incógnitas que se abren co brexit son só algunhas desas incertezas.

VinoExterior nace, precisamente, para dar resposta a estes novos desafíos. As empresas participantes na aceleradora poderán descubrir, da man de expertos, fórmulas exitosas para chegar a novos países.

A aceleradora achegará ás empresas as ferramentas necesarias para estar presentes en feiras e eventos de carácter internacional, que lles abrirán as portas a outros mercados.

A internacionalización, unha das prioridades do CZFV

VinoExterior nace da aposta firme do Consorcio da Zona Franca de Vigo pola internacionalización das empresas galegas.

O Delegado do Consorcio da Zona Franca, David Regades, apuntou que “proba diso é o éxito das dúas primeiras edicións de ViaExterior, neste caso, a aceleradora multi-sectorial para a internacionalización e que posibilitou que os seus participantes logren abrir novas sedes fóra das nosas fronteiras”.

Regades subliñou que “para a terceira edición de ViaExterior, que comezará en setembro, recibimos xa máis de medio centenar de solicitudes”.

Tras o seu paso por ViaExterior, as empresas iniciaron novas posibilidades no continente europeo, nos países de Latinoamérica e mesmo en Asia e en África.

Por outra banda, algunhas destas pemes estableceron un marco de colaboración para poñer en marcha novos proxectos empresariais e outras lanzaron novos produtos adaptados aos mercados internacionais.

Agora, con VinoExterior, o Consorcio da Zona Franca de Vigo espera conseguir para as empresas do sector vitivinícola galego novos logros no seu camiño cara á internacionalización.

As empresas interesadas en participar deben inscribirse no seguinte enlace.